venres, 8 de xuño de 2018

HOTEL ALMIRANTE: A ENTREVISTA É UN BO INICIO

O Hotel Almirante, da cadea Carrís Hoteles, leva colaborando co noso programa, como empresa de prácticas, hai moitos anos. Hai cousa dun par de meses, a Subdirectora do hotel, Mercedes Porto Brage, propúxonos realizar unha actividade de Búsqueda activa de emprego cos alumnos e alumnas, como é a entrevista de selección de persoal. Despois de que cada un deles/as lle enviara unha carta de presentación e o currículum vítae por correo electrónico, ela entrevistaríaos/as como se tivera que cubrir un posto de traballo real no hotel.

As alumnas e alumnos participantes, dos institutos de Canido e Ferrol Vello realizaron o pasado martes día 5 de xuño a entrevista, que foi gravada para despois ser analizada en grupo.

Mercedes Porto participou en todas as fases da actividade, dándolles ideas e moi bos consellos para ter éxito nesa primeira toma de contacto coa empresa. Quedamos encantados con esta iniciativa, tanto o alumnado coma nós.

Pero a sorpresa veu ao día seguinte: Mercedes chamou a cinco destes alumnos/as para ofrecerlles un contrato de traballo.

Esta é a nosa idea de comezo dunha vida laboral, experiencias reais na empresa que axuden aos rapaces e rapazas a atopar un primeiro traballo. Moitas grazas Mercedes pola túa implicación e...

... parabéns para os que ides comezar unha nova vida, a laboral!!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario